jueves, 6 de febrero de 2020

Non ut edam vivo sed ut vivam edo



“Como para vivir, non vivo para comer”, dicía Quintiliano. 
Supoño que o diría porque entre os seus coetáneos, a xente da clase alta era moi dada a festexar calquera cousa comendo sen descanso durante horas, pero eran os menos porque a xente corrente, polo menos no Mediterráneo, comía bastante mellor ca nós.

Todos os pobos, que eu saiba,  pasaron alternativamente por épocas de escaseza, que adoitaban coincidir con secas, guerras ou pandemias,  e por épocas de bonanza nas que a economía familiar permitía unha despensa máis chea pero, incluso en épocas de boas colleitas, as familias comían máis sá e non desperdiciaban alimentos como nesta época na que nos tocou vivir.

Os que temos unha certa idade e pertencemos a familias con poucos recursos, aínda lembramos o pouco tempo que levaba ir á compra, cando non había cartos para comprar nin demasiados subministros nas tendas. Na miña casa falábase do racionamento, do estraperlo, de gardar para cando non houbera, de non desperdiciar nada e dentro do malo tiñamos sorte porque, como a maioría dos nosos veciños, contábamos cun cachiño de terra onde plantar verduras e un cortello medio caído con algunha pita, coellos e un cocho. Eu, que era moi mala comedora, desesperaba ós meus pais que trataban de inculcarme bos hábitos. Naquela época e ata entrada a adolescencia, pensaba que o feito de comer era unha perda total de tempo e remexía o cu na cadeira ata que me deixaban saír pola porta á velocidade que me permitían as pernas. Non lembro doces, nin refrescos de ningún tipo, nin chuches, nin xeados (onde os iamos poñer se non tiñamos neveira!!).

Coido que o consumismo empezou a chegar ás nosas vidas da man da televisión, a publicidade radiofónica non tiña tanta tirada. Todos (naquel momento non había “todas”) mirábamos absortos aquel armatoste con forma de caixa que nos invitaba a beber Cola-Cao ó son de “aquel negrito del África tropical” que ademais nos vendían como un alimento completo. Empresas como Bimbo, Coca-cola, Suchard...eran asiduas da publicidade televisiva e toda empresa que se prezara, anunciábase en TV porque, para non ser menos que o veciño, había que comprar un 600 e veranear en Mallorca so porque o dicían os anuncios....e así chegamos á era Internet e de aí á globalización. 

O que vai anos eran pequenas tendas, convertéronse en supermercados, os nosos bares-tabernas e pequenos restaurantes conviviron con McDonald, Burger Kings, restaurantes chineses, xaponeses, pizzerías, Kebabs e comidas rápidas de todos os tipos e cores. Os mercados enchéronse de alimentos procesados e supercondimentados, de froitos e verduras cheos de raros pesticidas e manipulacións xenéticas, de carnes hormonadas e peixes atiborrados de metais pesados, de conservantes para que todo nos dure moito, de glutamato para que nos saiba superior e de cantidades industriais de azucre ou "sorbitoles" varios para facernos a vida máis doce. Este alumnado naceu rodeado de todo isto e paréceme tarefa imposible lograr que  entre no bar do Instituto e, no canto de comprar bollería industrial, pida unha peza de froita ou  en lugar de pedir coca-cola ou similar, pida auga, leite ou infusión e se absteña de comer un cento de chuches diarias. Pero bueno..se ha de intentar.




martes, 10 de octubre de 2017

U-LA IGUALDADE?

Debater entre as distintas sensibilidades nun tema como o da igualdade, sempre xera polémica entre os contertulios. 
Empecemos pola propia palabra e o seu significado; segundo a Real Academia, igualdade significa: “ Principio que recoñece a equiparación de todos os cidadáns en dereitos e obrigas”. Ata aquí todo parece dunha lóxica aplastante, o malo é cando a mente humana tende a complicar o máis sinxelo en beneficio propio.


Xa a estas alturas ninguén dubida de que as mulleres somos e fomos vilipendiadas, humilladas, ignoradas, ultraxadas e agredidas a todos os niveis ó longo dos tempos por unha parte do xénero masculino. Ninguén cuestiona este feito. Eu son unha desas mulleres e, porque o son,  e despois de anos de terapias propias e alleas, considérome coa suficiente capacidade como para cuestionar a manipulación que se fai deste tema, alegremente, por parte de mulleres e Institucións. Tampouco me creo con dereito a menosprezar ós homes, poucos ou moitos (como se só é un) que foron e son agredidos fisica ou psicoloxicamente polas súas compañeiras porque coido que todos e todas estamos no mesmo barco da senrazón.  

Como podo explicarlle ó meu alumnado que imos traballar nun proxecto que se chama “respecto e igualdade” no que só se pode falar da violencia do home contra a muller?. Onde non se menta para nada a violencia que exerce a muller sobre o home (que tamén a hai) ou a violencia sexual que se exerce sobre nenos e nenas ou a violencia entre parellas homosexuais? Por que non se menciona tampouco a violencia no ámbito familiar exercida contra os anciáns?  Alguén pode dicirme por que non entran estas cuestións dentro do respecto e igualdade? Como podo explicarlle ó meu alumnado que os homes teñen leis distintas polo feito de ser homes?. Por “discriminación positiva”- disque. Hai sintagmas nos que brilla máis unha palabra cá outra e neste brilla máis  “positiva” que “discriminación” cando esta última significa o que significa e nada pode cambiala, pero sobre todo, nada hai nela que evoque a igualdade. 


Todas as leis entre homes e mulleres deberían ser iguais e, se queremos unha igualdade efectiva, deberíamos empezar por abordar o tema con xustiza e equidade nas aulas, que é onde podemos plantar a semente, pero falando de toda a problemática no seu conxunto, non só dunha parte sesgada, manipulada e interesada.

Seica debo seguir as directrices dun proxecto que eu mesma elixín, ignorando naquel momento a palabrería coa que nos agasallan neste tipo de proxectos e ofuscada só por ese fermoso título: “respecto e igualdade” pero non podo dirixir ó meu alumnado por un camiño no que o respecto e igualdade non abrangue, canto menos, a ambos membros da parella.






martes, 4 de abril de 2017

CONTAMINACIÓN E MEDIO AMBIENTE ENTRE OS POBOS ROMANOS


Este é un traballo das alumnas de 1º de Bac de Clásicas, Iria Díaz e Paula González, que colaboraron no Proxecto Paisaxe.  Utilizamos para investigar este proxecto textos de autores clásicos.



jueves, 2 de marzo de 2017

O CASTRO DE FORMIGUEIROS

O Castro de Formigueiros é un comic que ideamos entre todas e levaron a cabo as alumnas de 4º ESO de Latín  Andrea Sánchez, Saray López e Nerea López.

Neste traballo imaxinamos como sería a vida cotiá no castro antes do seu abandono, xa en plena época romana.




PARA VELO ENTEIRO, PREMER NESTE ENLACE

miércoles, 12 de octubre de 2016

Paisaxes

O can ouveaba ó lonxe. Unha bruma mesta impedía ver o camiño que levaba á leira; carballos e castiñeiros adiviñábanse a ambos lados e o silencio facía máis evidente a nosa respiración. Pouco a pouco ía aparecendo o contorno desdibuxado da capela e unha besta sacaba a cabeza entre a néboa. A medida que iamos baixando, ía disipando a nube e a brillante luz do amencer iluminaba os campos verdes e as terras de labor. Piar de paxaros, alleos ó noso paso, acompañaban o murmurio dos regatos. Lonxe quedaba xa a aldea. Os meus pés cansos tropezaban coas pedras do camiño, detrás da miña nai, mentres apertaba con forza na man a moeda que me dera a miña avoa, o seu último agasallo, e miraba ó meu redor intentando reter nalgún recuncho do meu ser a paisaxe do lugar e os sons da natureza para lembralos cando estivera na nosa casa da cidade, onde só se oían as máquinas das fábricas e se vían desde a ventá antenas e terrazas ata onde alcanzaba a vista. Alí, xa no colexio, sentaba baixo a árbore solitaria do patio, a única que había en todo o contorno, e contemplaba as súas ramaxes que me falaban de tristura e soidade.